Wednesday 18 de September de 2024

A Xunta  impulsa a mellora da iluminación do campo de fútbol de San Lázaro de Noia


― A delegada da Xunta, a directora xeral de Administración Local e o alcalde de Noia visitaron a instalación deportiva para coñecer as accións previstas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local

― Un total de tres concellos da comarca do Barbanza recibiron achegas do Goberno galego ao abeiro desta liña dotada con 5 millóns de euros e dirixida a municipios con menos de 15.000 habitantes

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto e o alcalde de Noia, Santiago Freire, visitaron hoxe o campo de fútbol de San Lázaro para coñecer as actuacións de mellora da eficiencia enerxética que se prevé realizar co apoio da Xunta. O Goberno galego colabora no proxecto cunha achega superior aos 47.000 euros no marco da liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes.

A actuación contempla a substitución de doce luminarias existentes de vapor de sodio cunha potencia de 2.000 W por outras doce luminarias novas equipadas led cunha potencia de 1.200 W con lámpadas de vapor de sodio de alta presión cunha potencia de 2.000 W. Con iso preténdese conseguir unha mellor iluminación do terreo de xogo para poder desenvolver tanto as actividades e ademais conseguir un aforro enerxético do 40% co que se conseguirá reducir as emisións de CO2, a demanda enerxética das instalacións e o consumo eléctrico das instalacións o que supoñerá un aforro enerxético para o concello.

As actuacións previstas enmárcanse nesta liña dotada con 5 millóns de euros e destinada á mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais, con prioridade para as instalacións deportivas.

Na comarca do Barbanza hai tres concellos beneficiarios desta medida, con achegas que suman 163.000 euros. Así, ademais de en Noia, a Xunta colaborará tamén na mellora da iluminación do campo de fútbol de Porto do Son e na renovación da envolvente térmica e iluminación nas instalacións deportivas e ximnasio e pavillón de Lamas de Castelo en Carnota. Non conxunto da provincia coruñesa o número de beneficiarios ascende a 28, cun orzamento global superior a 1,5 millóns de euros.

A delegada da Xunta e a directora xeral incidiron na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, Belén do Campo sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.
Investimento dun millón de euros nos últimos anos
Pola súa banda, a directora xeral referiuse ás diversas medidas que facilitan melloras en infraestruturas, no eido ambiental e en servizos locais básicos para a veciñanza. Así, no caso de Noia, a maiores da achega para o campo de fútbol de San Lázaro, neste exercicio recibe apoio para a instalación dun ascensor nun edificio público, cunha achega de 40.000 euros, e para a adquisición mediante renting dun vehículo eléctrico destinado a tarefas no medio ambiental no período 2021-2025, así como para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).

Nos últimos anos o Goberno galego investiu arredor dun millón de euros en proxectos impulsados polo concello de Noia a través de distintas liñas, como a orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental ou o Fondo de Cooperación Local. En 2024 o investimento global autonómico para apoiar as administracións locais supera os 600 millóns de euros. O obxectivo é favorecer o equilibrio territorial e garantir a calidade de vida da poboación galega con independencia do seu lugar de residencia.